Wednesday 24 de April de 2024

O Concello de Fene dedica o plan de camiños da AGADER a mellorar as pistas de acceso a seis parcelas agrogandeiras en Sillobre


 

O Concello de Fene investirá algo máis de 31.300 euros na reparación de dúas pistas municipais situadas en Sillobre. As obras levaranse a cabo nun tramo de camiño situado no lugar do Picoto e nunha vía que discorre paralela á ladeira leste do monte Marraxón. En conxunto suman 615 metros de distancia e o seu arranxo acometerase con financiamento de fondos europeos, ministeriais e autonómicos xestionados pola AGADER a través do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-21.

O coñecido comunmente como “Plan de camiños” é un programa que se leva desenvolvendo varios anos para mellorar pistas e vías polas que se serven explotacións agrícolas e gandeiras. Ese é un requisito principal para poder acollerse a el, e a partir de aí os concellos poden optar ás axudas presentando proxectos para calquera punto do seu territorio sempre que respecten esa finalidade.

En virtude da convocatoria, o Concello de Fene redactou en marzo deste ano dúas actuacións na parroquia de Sillobre “que beneficiarán as actividades relacionadas co sector primario, pero tamén os desprazamentos da veciñanza en xeral”, comenta o rexedor, Juventino Trigo.

A primeira das obras consistirá en acondicionar o camiño do Picoto, que conecta este núcleo co eixo A Rabadeña-Buio, reparado con cargo ao mesmo programa no ano 2018. Os traballos neste punto centraranse en nivelar o firme ao longo de 250 metros de percorrido, na limpeza das gabias e, como remate, no reforzo da superficie con saburra ben compactada.

Neste caso desbotouse o asfaltado ou o aglomerado como solución técnica por mor do uso puntual que se lle dá ao camiño e pola dificultade para incrementar a súa largura. Por outra banda, na súa parte inferior a vía está literalmente encaixada entre construcións e na superior cumpriría facer un importante recheo para axeitar o seu nivel ao da estrada da Rabadeña, razóns que levaron ao Concello a “tirar pola opción máis equilibrada entre custe, mantemento e uso”, indica o alcalde. O camiño do Picoto é acceso principal para dúas fincas asociadas a actividades agrogandeiras.

A outra obra acollida ao plan de camiños da AGADER si levará firme aglomerado. Trátase dunha pista en Marraxón cunha distancia total de 395 metros que dá servizo a catro leiras de uso agropecuario e tamén a varias vivendas. A estrada xa estaba asfaltada, aínda que con numerosos desperfectos e tramos coa terra á vista. Agora botaráselle unha nova capa de maior grosor e resistencia, ao tempo que se prepararán gabias e taxeas.

O importe total das obras para estes dous proxectos está cifrado en algo máis de 31.300 euros, cofinanciados na súa totalidade con fondos FEADER, do Ministerio de Agricultura e da Xunta. O Concello prevé licitar o contrato nos próximos días